Batallán regrava o clásico de Cunqueiro para unha película de Ignacio Vilar
En 1975 Luís Emilio Batallán gravou un dos elepés (entón chamábanse así) do limitado panorama galego da música pop de entón. Aí ven o maio era o nome do disco de longa duración no que, ademais da canción que lle daba título, incluía un tema que tamén faría fortuna.
Comezaba cantando No niño novo do vento para desenvolver un poema sinxelo e trobador de Álvaro Cunqueiro. Quen puidera namorala converteuse nunha desas cancións que valen para os concertos, as verbenas, a música de parellas metidas nun coche, e para as sesións de despois do cineclub.
Pasaron trinta anos e Luís Emilio Batallán volveu a un estudio a gravala na tarde de onte. Agora, a pomba de Cunqueiro terá acompañamento sinfónico e estrea cinematográfica.
No caso de que os tivese esquecidos, Batallán volveu a lembrar os versos do poeta porque llo pediu Ignacio Vilar. O director de cine valdeorrés ultima estes días Pradolongo, unha película con triángulo amoroso e loitas para a conservación da natureza, e que ten como tema musical central esa melodía suave que Batallán inventara para mexer os versos de Cunqueiro.
«Cando comecei a idear a película, hai dous anos e medio, veume á cabeza á canción, e canto máis a escoitaba máis me decataba de que era a ideal para a historia que quería contar e para as paisaxes que a sustentan». Vilar pensou que a gravación realizada no ano 1975 quedaba un pouco curta de son para a gran pantalla e pediulle ao cantautor galego se quería volver gravala», conta Vilar.
Luís Emilio Batallán meteuse onte no estudio con tranquilidade e sen medo para afrontar o reto sinfónico porque «as cancións boas respiran ben sempre». Ter que gravar cunha sinfónica non é problema para o músico: «Veño de facer un disco en castelán, Tu retrato, no que xa traballei con orquestra». Para a canción tampouco é problema, segundo o compositor, que considera que a versión terá «máis profundidade, sobre nos baixos, pola presenza das cordas e dos cellos». Repetir unha canción que lle teñen pedido un milleiro de veces non é algo que preocupe a Batallán porque, como Bob Dylan, nunca cantou a canción «igual dúas veces». O músico di ser amigo de cambiar, de facer versións, introducir novidades, porque «niso é onde máis se nota esa influencia do jazz» que ten o artista.
Xustamente isto era que buscaba Vilar para colocar a canción xusto no final da película, tras pedirlle á compositora da banda sonora, Zeltia Montes, que tivera en conta que un dos motivos musicais recorrentes ao longo da cinta sería o retrouso da canción. «Hai que pensar -di Vilar- que Pradolongo ten á paisaxe de Trevinca e Valdeorras como un personaxe máis e por iso quería que a música puidese estar a ese mesmo nivel».
Batallán visionou a parte final da cinta e considera que «encaixa moi ben coa canción porque a película é unha historia de amor e a canción é tamén unha canción de amor». Pradolongo estará completada antes de que acabe o ano e comezará un circuíto de festivais nos primeiros meses do 2008. A estrea comercial podería ser en maio ou en outubro do ano vindeiro, «en función do cine norteamericano».
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios